
Nestes primeiros 70 días foron máis de 3.500 persoas as que participaron nas visitas guiadas e ducias de centros escolares galegos. O maior número de visitantes e seguimento a través das redes sociais contabilízase en Galicia, Madrid, Cataluña e Castela e León, e no ámbito internacional os países máis destacados son Reino Unido e Portugal. Desta maneira, "In tempore sueborum" multiplicou por catro as cifras de impacto do seu primeiro mes, acadando unha audiencia acumulada que supera os 4 millóns de persoas, "un alcance incrementado notablemente trala presentación realizada na Feira Internacional de Turismo de Madrid (Fitur)", expresou Manuel Baltar.
No segundo mes, o número de noticias publicadas sobre a exposición incrementouse nun 562 %, pasando de 537 no primeiro mes a 3.220 novas na actualidade. O maior impacto tense rexistrado nos diarios de información xeral, nas páxinas web e nas revistas especializadas, situándose o alcance en 3.550.000 persoas, e o incremento nas redes sociais tamén e moi significativo, contabilizando a presenza da exposición en 511.000 dispositivos (móbiles, tabletas e ordenadores), fronte aos 200.000 do primeiro mes. A esta promoción tamén se uniu Renfe, colaborando a través de Internet e situando paneis promocionais nos asentos dos trens Alvia de Madrid, Barcelona e Alacante con destino a Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco.
Maioritariamente os visitantes que percorren os tres espazos expositivos proceden de Galicia e do resto de España, e do estranxeiro figuran visitantes de Portugal, Xapón, Arxentina, Brasil, México, Estados Unidos, Chile, Turquía, Venezuela, Polonia e Alemaña.
"In Tempore Sueborum" reúne por primeira vez o maior número de pezas da época do primeiro reino suevo de occidente, localizado en Ourense, no territorio da Gallaecia (411-585), amosando un total de 262 elementos procedentes de 39 museos de 10 países: España, Portugal, Austria, República Checa, Hungría, Eslovaquia, Polonia, Bélxica, Francia, Alemaña. Os tres espazos expositivos da cidade de Ourense están organizados segundo as temáticas: o Centro Cultural "Marcos Valcárcel" abrangue a deconstrución dos bárbaros; a Igrexa de Santa María Nai acolle o proceso de cristianización na Gallaecia da época sueva, e o Museo Municipal amosa o ámbito social e organizativo dos suevos cos galaico-romanos.