A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez,
visitou o concello de Riotorto para coñecer varias iniciativas postas en
marcha a través do Grupo de Desenvolvemento Rural Terra Chá. Este GDR recibiu no
2017 un total de 972.271 euros para desenvolver 13 proxectos dinamizadores a
través do Fondo Europeo Agrario de Desarrollo Rural (Feader).
Durante a súa visita a responsable autonómica
defendeu as posibilidades que ten o rural a través da diversificación da
economía. “Non me canso de dicir que o rural non é solo gandaría e agricultura,
é unha parte imprescindible, pero hai mil e unha posibilidades para sacar
rendibilidade dos nosos campos, montes e paisaxes”, declarou a conselleira.
Precisamente un dos proxectos presentados era
pioneiro nesta contorna. Trátase dunha iniciativa de turismo activo con
excursións en todoterreo ou buggies,
rutas paisaxísticas con explicacións sobre a flora e fauna autóctona e tamén
sobre as explotacións agrícolas da comarca. O emprendedor que puxo en marcha este proxecto recibiu preto de 43.000
euros para un investimento de 88.429 euros que permitiron adecuar as
instalacións e comprar os vehículos precisos.
Tamén en Riotorto a Xunta de Galicia impulsou
outro proxecto dinamizador a través deste GDR que permitiu a rehabilitación e a
posta a punto do mazo da fraga de Ferreiravella. Este lugar, onde traballaban
os antigos ferreiros, pode ser agora visitado por veciños e turistas de xeito
gratuíto e coñecer este oficio e a forma de vida dos que o desenvolvían. A
recuperación deste espazo requiriu dun orzamento de 8.999 euros que nun 83% foi
financiado a través das axudas que xestiona a Consellería do Medio Rural (7.469
euros).
A través destes proxectos, trátase de
mobilizar o turismo no concello de Riotorto e, por extensión, en toda a
contorna e así favorecer a creación de emprego, un dos obxectivos da
consellería e da Xunta de Galicia para esta lexislatura.
En total, na convocatoria 2017/2018, o GDR Terra
Chá puxo en marcha ata 13 proxectos de todo tipo que se levaron adiante cunha
axuda de case un millón de euros. Na presente convocatoria 2018/2019 xa ten
unha asignación prevista doutros 851.747 euros e, en total, no período
2014-2020 do Programa de Desenvolvemento Rural levará preto de 4 millóns de
euros. Neste GDR están integrados os concellos de Abadín, Begonte, Castro de
Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, A Pastoriza, Riotorto, Vilalba e Xermade.