Licitado o programa Lugo Smart City con 3,1M€

Vén de saír a licitación o contrato para desenvolver o Lugo Smart City, o programa que conseguiu o Goberno local a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) –que achega o 60% do financiamento- co obxectivo de “aproveitar as amplas posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas mellorando o seu acceso aos servizos públicos”.

Os detalles da licitación e dos propios pregos de contratación están colgados dende onte á tarde no Perfil do Contratante de Red.es, plataforma dependente do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital.

O importe do contrato é de 3.150.000€, e as empresas interesadas poderán presentar ofertas ata o vindeiro 9 de abril. A valoración das mesmas concluirá no mes de xuño, polo que, indicou Fernández, “prevemos que a finais de verán poidamos comezar a executar este proxecto tecnolóxico”.

Coa licitación do programa Smart City, “que supoñerá un impulso decisivo para converter Lugo nunha cidade intelixente, avanzamos na posta en marcha dos proxectos europeos que conseguimos dende o Goberno, proxectos que suman un investimento de 22 millóns de euros, dos cales nos Orzamentos deste ano van contemplados 9,2 millóns”, recalcou o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen lembrou que a finais da semana pasada a Alcaldesa, Lara Méndez, presentou o deseño das cinco primeiras obras da Estratexia DUSI, actuacións que mellorarán a mobilidade entre a cidade e o río Miño.