O labor de promoción de Turismo de Galicia levou a oferta turística galega xeral e a ornitolóxica en particular ás feiras Navartur, de Pamplona, e FIO, que se celebrou na provincia de Cáceres.
Navartur é un certame turístico que se desenvolveu na capital navarra dedicado tanto a profesionais como ao público xeral. Pola afluencia de público, Navartur é a principal cita turística de Navarra, e ademais da área de exposición, conta con distintas actividades divulgativas relacionadas co Turismo.
Nesta ocasión, o departamento de Turismo da Xunta participou cun stand de 48 metros cadrados que difundiu a oferta turística galega e o Camiño de Santiago, un dos produtos máis demandados nesta feira ao ser esta unha comunidade de paso da Ruta xacobea.
Por outra parte, Turismo de Galicia, participou por oitavo ano consecutivo na Feira Internacional de Ornitoloxía, FIO, o certame do Turismo ornitolóxico máis importante de España, que se celebrou no Parque nacional de Monfragüe.
Turismo de Galicia instalou un stand modular no que os visitantes e profesionais que se achegaron ata o Parque Nacional de Monfragüe, puideron coñecer os 61 espazos de alto interese ornitolóxico identificados en Galicia e distribuídos por toda a súa xeografía.
Estes espazos están clasificados segundo os hábitats, e deste xeito podemos atopar zonas de litoral e mar aberto; áreas agrosilvopastorís; canóns e vales fluviais, áreas montañosas e boscosas; humedais interiores e contornas urbanas.
Especial protagonismo tiveron as 10 áreas identificadas como o mellor das zonas de alto interese ornitolóxico, que son: Estaca de Bares e O Barqueiro; Ría de Ortigueira e Ladrido; Costa das Morte; Complexo Ons-O Grove; Humedais da Terra Chá; Montes de Cervantes (Os Ancares); Ribeira Sacra Sur (Canón do Sil), Serra da Enciña da Lastra; A Limia; Oímbra, Monterrei e Verín.