Vegalsa-Eroski impulsa a venda de produtos galegos de calidade

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, mantivo un encontro con responsables da compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski, Jorge Eiroa e Gabriela González, no que se valorou o peso que ten a distribución para que os consumidores aposten por produtos locais nos mercados. En concreto, a titular de Medio Rural sinalou que os supermercados e hipermercados teñen “moito que dicir” á hora de que un cliente elixa ou non produtos agroalimentarios de procedencia galega e, sobre todo, para establecer hábitos de consumo a longo prazo.

Neste sentido, Ángeles Vázquez agradeceu a este grupo empresarial a súa aposta polos produtos da comunidade que, ademais, destaca e identifica debidamente nos seus lineais de venta. “Deste xeito axuda aos nosos agricultores, o que na práctica significa apoiar as súas explotacións e dinamizar o rural”, declarou a conselleira. 

Dende a Consellería do Medio Rural procúrase a máxima colaboración das distintas firmas para que contribúan ao mantemento das industrias agroalimentarias porque son un factor clave no fomento do emprego no rural e, polo tanto, da fixación de poboación, obxectivo fundamental deste departamento autonómico. 

Vegalsa-Eroski ten subscrito distintos convenios de colaboración con selos de calidade como a Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia que anualmente supón a comercialización de máis dun millón de quilos de pataca galega certificada nos seus establecementos de Galicia. Tamén con produtos como os viños das cinco denominacións de orixe e o leite con selo ‘Galega 100%’. Ademais, puxo en marcha durante o ano 2017 a campaña de Aposta polos Provedores Locais, organizando ao longo do ano numerosos actos de promoción e posta en valor da calidade, sabor e orixe da mellor selección dos produtos da terra, e durante datas sinaladas como o Entroido realiza campañas específicas nos seus establecementos. Para este ano 2018, queren ampliar a oferta con produtos como os queixos, horta e a IXP Ternera Gallega.