O xurado do Concurso de Carteis da 55ª Feira do Viño do Ribeiro reuniuse hoxe, 7 de marzo, na sede do Consello Regulador do Ribeiro, en Ribadavia, para elixir o cartel que representará a Feira do Viño do Ribeiro 2018, que terá lugar na vila ribadaviense do 28 de abril ao 1 de maio.
O cartel gañador está deseñado por Andrés Manjarón, de Sevilla, e foi elixido entre 182 propostas presentadas nesta edición do concurso. Este rapaz, de 23 anos, rematou o ano pasado a carreira de Publicidade e Relacións Públicas aínda que segue a estudar deseño gráfico á par que está a buscar traballo pola comunidade andaluza. A creación xurdiulle da idea de aunar un acio de uva branca co de uva tinta, facendo que entre as dúas se forme un corazón, facendo unha obra visualmente atractiva á vez que amosa sentimento.
Para a elección do seu cartel anunciador, o Concurso de Carteis da 55ª Feira do Viño do Ribeiro contou cun xurado multidisciplinar integrado por profesionais no ámbito das artes, comunicación e deseño gráfico. Ao longo da xornada de deliberación das 182 obras participantes foron sometidas ao xuízo destes profesionais, resultando a obra gañadora premiada con 1.000€.
Participaron como membros do xurado María Campos, de Hostelería Galega e Turismo; José Ramón Domínguez, de Cepas y Vinos; Luis Cividanes, de Benbo; Jaime Díaz, de Incubarte, creatividad multicanal; Luis Estévez, de Oeste Marketing; M. Vicdente, de La Alacena Roja; María Touza, concelleira de Cultura do Concello de Ribadavia e Erika Domínguez, directora de promoción do C.R.D.O. Ribeiro.