A festa gastronómica que identifica o municipio de Soutomaior é a da exaltación da ostra, que se celebra na parroquia de Arcade e chega cada ano, e van con este 32, na primeira fin de semana de abril. Niste caso o sábado 31 de marzo e o domingo 1 de abril para sermos precisos.
A cita supón unha ocasión magnífica para degustar os saborosos moluscos que se crían nas marxes da ría de Vigo, na desembocadura do río Verdugo, e aproveitan un fitoplacton mariño que lles dá un especial sabor.
Máis de cen mil ostras serán argumento maior desta festa declarada de Interese Turístico Galego en 2012. Milleiros de visitantes darán boa conta deste molusco bivalvo. As casetas abrirán o sábado e despacharán o produto ata a primeira hora da tarde do domingo 1 de abril.
A ostra é, xa que logo, o produto emblemático deste concello xunto co viño albariño con D.O. Rías Baixas, subzona de Soutomaior. Velaí o acompañante mais recomendado para tan sigular degustación.
Soutomaior, a medio camiño entre Vigo e Pontevedra, conta, á marxe dos seus alicientes gastronómicos e paisaxísticos, co castelo, fortaleza e dominio de Pedro Madruga, ao que a historia desta terra estivo vencellada desde o s. XV. A finca que o rodea posúe, ademais, unha gran variedade de especies vexetais autóctonas e exóticas. Desde 1982 o Castelo está nas mans da Deputación de Pontevedra.