A Feira Medieval vaise celebrar os vindeiros 31 de marzo e 1 de abril. O evento, que o Goberno municipal quere consolidar como unha das citas imprescindibles da Semana Santa en Galicia, cumpre 16 anos de historia. Precisamente, proba da implicación do Concello co evento é que desta volta incrementouse en 6.000 euros o presuposto destinado ás actividades.
Unha das novidades desta edición é o espectáculo Refundación, que terá como escenario a Praza de España, o sábado 31, ás 12 horas e que estará a cargo da compañía Queiman e Pousa. O Alcalde, José Tomé, explica que “con esta novidade queremos conmemorar que no ano 1104 os Reis de España concederon ós señores de Lemos o título de cidade e tamén a posibilidade de celebrar feiras e mercados. É dicir, algo que se remonta xa ós inicios do século XII”.
Outro dos grandes atractivos será o espectáculo A lenda das meigas, algo novidoso e que se celebrará na zona do cruceiro da Praza de España. Farase así para facilitar a visión dende todos os ángulos e conseguir así unha maior vistosidade. Será o sábado ás 21 horas.
Este ano amplíase o número de tendas e de actividades do Campamento Medieval, coa Asociación de Recreación Histórica Cabaleiros de Ulver. “Precisamente, na edición pasada recuperamos a posta en marcha deste campamento, e este ano, non só o mantemos, senón que será aínda máis amplo. Este mercado estará ubicado na Praza de España”, detalla o mandatario local.
Neste campamento, o público atopará exposición de armas, de panoplias militares, de cascos, indumentaria civil e utensilios medievais. Por outra parte, neste campamento tamén vai haber obradoiros demostrativos e participativos para o público.
Novos espazos da Feira
Outra das novidades deste ano é o cambio de ubicación da exhibición de aves de rapiña. Desta volta vaise facer na praza Campo de San Antonio. “As aves precisan dun espazo libre de cables para que non dificulten o seu voo e non se atopen nun ambiente moi pechado que lles provoque estrés”, indica José Tomé. Por certo que o Campo de San Antonio é un espazo que por vez primeira acollerá actividades da Feira Medieval.
Dentro da programación da Feira, hai que destacar que o campamento infantil medieval terá como escenario a praza das Madres Clarisas. Neste caso, tamén se trata dun novo espazo da Feira Medieval. Neste campamento haberá nove xogos diferentes para os máis pequenos. Por exemplo, haberá un torneo medieval, zancos ou o xogo da rá.
Tamén cambiará de ubicación o punto de saída da caravana de burriñas. Antes facíase dende a Praza de España pero este ano, como o campamento é máis grande, decidimos cambiala para a Praza Doutor Goyanes.
Para a organización desta décimo sexta edición da Feira Medieval o Concello mantén a colaboración coa Asociación de Artesáns de Monforte, “algo que precisamente, recuperamos o ano pasado. Eles son os que se encargarán de novo da montaxe do estrado na Praza de España para os diferentes actos, e será algo diferente, cada ano incorporan novos elementos para facelo máis atractivo”, detalla o rexedor.
Unha das actividades preferidas polo público e que terá continuidade é a celebración das xustas. Os cabaleiros, escudeiros e soldados realizarán un gran torneo medieval no Campo de Terra dos Escolapios.