AXXII Festa do Congro é a exaltación do produto mais típico de Muxía, municipio da zona noroccidental da provincia coruñesa integrado na comarca de Fisterra e no epicentro do xeodestino da Costa da Morte. Celébrase o día de Venres Santo e ofrece actuacións musicais e de pasarrúas pola vila, mentres no Paseo Marítimo visitantes e veciños degustan o congro elaborado de diversas formas
(empanada, caldeirada, á prancha ou guisado).
Os centos de asistentes darán boa conta de máis de 1.500 racións de congro no lugar que conta cos últimos secadoiros deste peixe na Costa da Morte e de Galicia enteira, os de A Pedriña e Os Cascóns. Trátase dun método de conservación tradicional e artesanal deste teleósteo da orde dos anguiliformes, tamén coñecido co nome de Anguiacho, e do que hai xa noticias en documentos do s. XVIII.
Todo un aliciente para visitar Muxía e achegarse tamén ao misticismo que rodea o santuario da Virxe da Barca, a historia escrita en pedra en Moraime, o último atardecer (solpor) de Europa no cabo Touriñán, as praias tranquilas e os camiños serpeantes que convidan a andar, a beleza das construcións tradicionais, a gastronomía.
E, ademais, a chamada do Camiño de Santiago, do seu tramo final Compostela-Muxía. A única ruta
que parte da capital galega, a meta do Camiño, e pasa por Ponte Maceira, Olveiroa e Hospital ata chegar á Virxe da Barca.