A XXVII Feira do Requeixo e do Mel de As Neves (Pontevedra), terra asomada ao río Miño, no sur de Galicia, acollerá a veciños e forasteiros na xornada do Venres Santo, o 30 de marzo.
Declarada de Interese Turístico de Galicia, é cita referencial na paréntese aberta pola Semana Santa e convoca na Praza Maior a un bo xentío decidido a gozar de tan saborosas degustacións.
O cotizado requeixo de As Neves é un manxar elaborado moi especialmente na parroquia de Cerdeira, utilizando leite enteiro de vaca, sen engadirlle sal, e aderezado con mel seguindo a tradición. Adoita acompañarse con viño de Rubiós, excelente e recoñecido tinto da zona.
Unha boa ocasión para probar o requeixo con mel ou marmeladas a prezos populares. Cómpre unha mención á Sociedade Cooperativa Agraria Condado-Paradanta, unha entidade dedicada á elaboración de lácteos, entre eles o Requeixo de As Neves, e tamén á preparación e envasado do mel.
A xornada, canda a feira e as degustacións, inclúe actuacións musicais, talleres didácticos e outros espectáculos. Non ha faltar o pregón ao cargo dunha relevante personalidade.
As Neves, que ten polo norte a serra da Paradanta e o Miño polo sur, conta con praias fluviais e áreas recreativas. Sirva o anterior para suavizar un algo o terrible impacto dos incendios do pasado outubro, que permitiron descubrir un importante conxunto de petroglifos (4.000 anos de antigüidade) con dúas ducias de cabalos representados sobre unha rocha no monte de A Coutada.
Anotamos tamén as esculturas na parroquia de Tortoreos, lugar de Redondelo. “O Xigante”, de Mario
Iglesias. “Punto de partida”, de Carlos Tejo. “Sendeiro do coñecemento”, de José Luis Pereira. E unha sen nome de Manuel Rial.