A cidade de Sibenik, a en Croacia, acolle este luns e martes un congreso organizado pola UNESCO, sobre a xestión urbana de cidades amuralladas en Europa, ao que Lugo foi invitada por contar coa Muralla como Patrimonio da Humanidade.
O obxectivo de Walled Cities, Open Societies, nas que participarán representantes municipais, tanto políticos como técnicos, e da propia organización de Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, é intercambiar coñecementos co obxectivo de mellorar as capacidades das entidades locais para implantar modelos sostibles e inclusivos de desenvolvemento nas cidades históricas, nas que se garanta un equilibrio entre o crecemento socioeconómico e a conservación do patrimonio. Tamén se busca estreitar lazos entre cidades con murallas ou fortificadas para posibles sinerxias e alianzas futuras.
Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que acudirá cunha técnica municipal do Servizo de Arquitectura ao congreso, que inclúe unha decea de poñencias e actividades, subliñou que a participación neste encontro incardina co modelo de cidade do Concello, pois expoñeranse experiencias e ferramentas creadas pola UNESCO para aumentar a sostibilidade das intervencións de planificación e deseño das cidades contribuíndo á mellora da habitabilidade.
A idea de organizar este congreso naceu doutro encontro celebrado en xaneiro do ano pasado en Siena (Italia), no que 25 cidades de Europa, entre elas tamén Lugo, debateron sobre a xestión das zonas urbanas dentro de murallas históricas. Esta segunda edición busca avanzar neste eido.