Galicia é a terceira autonomía española con máis denominacións de calidade agroalimentaria, só superada por Cataluña e Andalucía. Así, a nosa comunidade acumula un total de 33 destas indicacións xeográficas protexidas e denominacións de orixe. A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, puxo en valor toda esta riqueza en Bruxelas, onde asistiu ao evento organizado pola Asociación de Rexións Europeas para os Produtos de Orixe (Arepo).
A titular de Medio Rural, que estivo acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, destacou a xeración de riqueza destas producións amparadas, que suman uns 360 millóns de euros de volume de negocio ao ano, engloban unhas 800 industrias e aglutinan arredor de 28.000 titulares de explotacións agrogandeiras na nosa comunidade.
Neste foro organizado por Arepo tiveron presenza os produtos galegos de calidade, coas intervencións do presidente da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), José Montes, e da Asociación Española de Denominacións de Orixe (Origen España), Jesús González, que é ademais presidente do consello regulador das indicacións xeográficas protexidas de carne de vacún de Galicia.
A asociación Arepo é unha rede de rexións e asociacións de produtores que operan no ámbito das denominacións de orixe. Agrupa 31 rexións europeas e máis de 700 grupos de produtores. O seu obxectivo principal é promover e defender os intereses dos produtores e dos consumidores dos territorios europeos que se dedican á valorización dos produtos agroalimentarios de calidade e de orixe.