Os visitantes estranxeiros con destino Lugo crecen un 42% en febreiro

En relación co mesmo período do 2017 o ingreso de persoas visitantes estranxeiras con destino Lugo en febreiro aumentou un 42%. Concretamente, tanto a Oficina Municipal de Turismo como a rede museística municipal, recibiron o pasado mes a visita de máis de 420 turistas foráneos, o que representa o 14% da totalidade de visitantes, contra os 179 do mesmo mes do pasado ano. 

As instalacións municipais máis visitadas polos turistas internacionais foron a propia oficina de turismo, seguida da Domus do Mitreo e da Casa dos Mosaicos. Os visitantes foráneos que se achegaron a Lugo proceden, maioritariamente, de Portugal, Arxentina e Reino Unido, representando o 48% da totalidade, é dicir, máis de 200. Así mesmo tamén se interesaron por coñecer o municpio lugués italianos, fraceses, brasileños, estadounidenses e alemáns, entre outros.

O Voceiro Muncipal, Miguel Fernández, subliñou que se trata dun bo comezo de ano que reflexa a confianza que cada vez máis lle outorga o turismo internacional a Lugo á hora de escoller un destino turístico.

Polo que respecta aos visitantes nacionais no mes de xaneiro, tan só a Oficina Municipal de Turismo recibiu a máis de 1.200 persoas. O luns 12 e o venres 2 foron os dous días que máis se achegaron á Praza do Campo. Pola súa banda, os cinco museos e salas de exposicións rexistraron a visita de 1.700 persoas. Cómpre enxalzar que, dentro do panorama nacional, rompendo as estatísticas medias mensuais, os turistas que máis visitaron Lugo foron os cataláns, seguidos dos andaluces e madrileños. Tamén é destacado o número de turistas procedentes das Illas Baleares, máis dun centenar.