Tal e como prevé a ordenanza de mercados, "para favorecer a ocupación das prazas baleiras e converter os mercados nunha alternativa con variedade de compra de produtos de proximidade" a Concellería de Emprego e Economía Social da Coruña autorizou a apertura de 13 postos nos mercados municipais outorgados de maneira temporal.
O responsable da área, Alberto Lema, indicou que o obxectivo é "manter o pulso e ampliar a oferta dos mercados, empregando unha opción flexible entre os concursos de licitación para cubrir os postos que non foron solicitados".
En total, entre os concedidos no concurso de licitación realizado en 2016 e as prazas asignadas de maneira transitoria, a Concellería de Emprego e Economía Social autorizou a ocupación de 25 postos neste mandato. O proceso co que o Goberno local abriu en maio de 2016 a solicitude de concesión de 48 prazas baleiras nos mercados foi a primeira dende o ano 1994, a pesar da demanda tanto dos e das propias praceiras como da cidadanía en xeral. O segundo destes concursos, convocado a finais do pasado ano, está á espera resolución.
Deste xeito, nas últimas semanas concedeuse o uso de cinco postos de maneira provisoria no mercado de Ramón Cabanillas de venta de carne, froitas, peixe, conxelados, así como unha tenda de ultramarinos. "Estes postos, pese a ter saído a licitación, non foron solicitados por ninguén, o que nos permite adxudicalos previa solicitude dunha persoa interesada", explica Lema.
No mercado municipal de Monte Alto, "cuxos postos non entraron na última licitación para facilitar o proxecto de reforma que do edificio", Emprego autorizou a apertura de dous postos exteriores, de artículos de regalos e arranxo de teléfonos móbiles, e catro no interior, dedicados a herboristería, encurtidos, peixería e cervexa e queixos artesáns. Ademais, os mercados de Palavea e Elviña contarán cun novo posto cada un.
A ocupación temporal dos postos das prazas recollida na ordenanza municipal estipula que o Concello pode adxudicar cunha vixencia trimestral os locais que non estivesen solicitados ou en licitación pública.
f_ coruna.gal