A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL) está desenvolvendo o Programa Integrado de Emprego DIMO LUGO III, concedido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, por terceiro ano consecutivo. O delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acaba de visitar a sede da APEHL para coñecer de primeira man como se está levando a cabo esta iniciativa.
No marco deste proxecto, que tivo comezo o pasado 1 de decembro de 2017 e finalizará o 30 de novembro de 2018, a Asociación imparte diferentes accións formativas en Lugo e tamén en Monforte de Lemos. Un total de 85 usuarios están sendo beneficiarios deste cursos que inclúen prácticas en empresas.
A APEHL subliña que un dos fins do proxecto é dotar ás persoas participantes dos coñecementos necesarios para traballar nunha profesión concreta e mantén o compromiso de alcanzar unha elevada inserción laboral dos usuarios.