A Deputación da Coruña ven de publicar no BOP e na Base Nacional de Subvencións a convocatoria de varias liñas de axudas destinadas a apoiar ás asociacións agrarias e labregas e ás entidades sen ánimo de lucro da provincia que desenvolvan accións de promoción económica.
O prazo para solicitar estas subvencións comeza este martes 24 de abril e remata o vindeiro 21 de maio ás 14.00 horas. As solicitudes realizaranse de forma telémática a través da plataforma Subtel.
As liñas abertas suman un orzamento de 1.250.000 euros, aos que hai que sumar outros 482.000 € que a Deputación destina en 2018 para apoiar ás confrarías de pescadores e cuxas bases veñen de ser publicadas a principios deste mes de abril.
O deputado responsable da área de Promoción Económica José Luís García, destacou a importancia destas axudas "para apoiar á xente do mar e do campo nunha provincia como a da Coruña, na que o sector primario é fundamental para o desenvolvemento da nosa economía" e explicou que estas "contribuirán a manter a actividade das entidades e a modernizar as súas infraestruturas, facéndoas máis competitivas".
Asimesmo, destacou que as axudas de promoción económica para entidades contribúen a dinamizar a economía da provincia, á promoción dos produtos autóctonos e creación de emprego.