Aprobada a solicitude da declaración de Festa de Interese Turístico Galego para a Semana Santa lucense

Cos votos a favor de PSdeG-PSOE, Lugonovo e Ciudadanos -mentres que BNG e ACE se abstiveron-, a Corporación municipal aprobou no Pleno ordinario, a instancias do Goberno, solicitar a declaración de Festa de Interese Turístico Galego para a Semana Santa lucense. 

A Alcaldesa, Lara Méndez, subliñou que este recoñecemento será “moi positivo” para a cidade e “un punto de inflexión” na Semana Santa de Lugo, na que participan a través da Xunta de Confrarías máis de 3.000 persoas e que conta cunha asistencia aproximada de 150.000 persoas ás procesións, segundo os propios organizadores.

Na solicitude de Festa de Interese Turístico Galego, aprobada por iniciativa do equipo de Goberno e que debe conceder a Xunta, ponse de manifesto a singularidade da festividade relixiosa en Lugo, con exemplos como a procesión da Última Cea, un paso único no mundo cristián xa que ten o privilexio exclusivo de trasladar en procesión o Sagrado Sacramento que se custodia na Catedral dende datas inmemoriais, ou a participación da Armada de Ferrol na procesión da Virxe da Esperanza e o Santo Encontro, coa participación da patroa do Concello, a Virxe do Rosario.