A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL) está desenvolvendo o Programa Integrado de Emprego DIMO LUGO III, concedido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, por terceiro ano consecutivo. O delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou a sede da APEHL para coñecer de primeira man como se está levando a cabo esta iniciativa.
No marco deste proxecto, que tivo comezo o pasado 1 de decembro de 2017 e finalizará o 30 de novembro de 2018, a Asociación abarca varios campos de actuación: accións formativas, asesoramento e orientación laboral, talleres sobre mobilidade laboral, habilidades sociolaborais e tecnoloxías innovadoras, prácticas profesionais en empresas, fomento da capacidade emprendedora ou xestión de ofertas de emprego e emparellamento con persoas demandantes.
En canto á formación para o emprego, a APEHL organiza diferentes cursos que teñen lugar en Lugo e tamén en Monforte de Lemos. Un deles, o curso de axudante de cociña, está tendo lugar estes días nos locais que a Asociación ten na capital da provincia e rematará o vindeiro 27 de abril.
José Manuel Balseiro estivo cos seus 20 alumnos, entre desempregados menores de 30 anos e persoas con diversidade funcional, e comprobou os coñecementos que están adquirindo así como as súas primeiras valoracións.
Pola súa parte, o presidente da APEHL, Cheché Real, subliñou que “un dos fins do proxecto é dotar ás persoas participantes dos coñecementos necesarios para traballar neste sector. O noso compromiso é alcanzar unha elevada inserción laboral dos usuarios”. Un total de 85 usuarios están sendo beneficiarios destes cursos que inclúen prácticas en empresas.