Ricos de Melide |
Ata o luns día 30, o Concello de Melide en
representación da Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional e o Centro de Transfusión de Galicia
(CTG), colaborarán nunha campaña que ten por obxectivo animar á poboación a doar sangue. As persoas
que decidan achegarse aos puntos habilitados para tal efecto, recibirán como agasallo un paquete de
ricos, un dos doces que se exaltan na cita, elaborados de forma artesanal.
Esta iniciativa, que se repite anualmente dende 2013, pon en marcha o programa de actos da edición
2018 e pon en valor, así mesmo, a solidariedade da vila, unha das que rexistra un nivel de doazóns máis
altas de toda Galicia segundo os datos do CTG.
Ao longo da fin de semana as unidades móbiles desprazaranse ao concello coruñés para que a veciñanza
poida sumarse a esta campaña, e o día 30 terán a oportunidade de colaborar os cidadáns de A Coruña, no
Cantón Pequeno, Ourense, na Rúa Paseo, Lugo, na Praza Maior, e Vigo na Rúa Príncipe. En total prevese
unha participación de aproximadamente 250 persoas.
Tanto o Concello de Melide coma o Centro de Transfusión animan á poboación a doar sangue, para que
desta maneira os centros sanitarios poidan continuar facendo con normalidade a súa labor asistencial na
comunidade. Un acto solidario que, neste caso, terá un final moi doce.
A Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide, que este ano cumpre a súa vixésimo
sétima edición, celebrarase os días 12 e 13 de maio, e contará, coma en anteriores ocasións, cunha feira
de produtos artesanais, diferentes actuacións musicais e a participación de profesionais do sector da
gastronomía e persoeiros doutros ámbitos que exercerán a labor de embaixadores.