Posta en valor da riqueza patrimonial medieval de Galicia

A Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares está a desenvolver un proxecto de mapeado que pretende a posta en valor da riqueza patrimonial medieval que atesoura a comunidade galega. “Combínase a información teórica coa representación cartográfica e aspira a ser un recurso de utilidade para o público en xeral, que facilite a promoción dun turismo cultural sostible e de calidade, e que proximamente estará dispoñible no sitio web http://www.usc.es/estmedin”, explica o investigador Javier Castiñeiras López.

O coordinador destas rutas é o grupo de traballo Visitas culturais e formativas por distintas zonas de Galicia seleccionaron unha relación de bens culturais de especial relevancia para comprender o pasado medieval do territorio galego e a súa contorna. Cada un dos destinos elixiuse atendendo aos criterios de interdisciplinariedade que caracterizan á Rede. Nesta liña, cada ruta que se realiza contén aspectos de interese para os ámbitos da Filoloxía, a Historia e a Historia da Arte.

A última destas viaxes formativas realizouse á cidade de Ourense. A primeira parada deste itinerario foi na exposición In Tempore Sueborum, onde os participantes puideron coñecer a mostra nas tres distintas sedes da mesma. De seguido o grupo visitou o Pazo do Bispo na Praza Maior.

A xornada continuou coa visita á catedral ourensá, “un dos templos máis relevantes do patrimonio medieval galego” -salienta o investigador-. Así, os membros da Rede centraron a súa atención na arquitectura da igrexa, nos seus programas escultóricos (con especial énfase nos monumentos funerarios, a fachada da torre e o pórtico do Paraíso) e nas diversas pezas de orixe medieval que custodia o tesouro catedralicio na chamada Claustra Nova. 

Nesta actividade participan tanto membros da Rede de Estudos Medievais como alumnos do Máster e do Programa de Doutoramento en Estudos Medievais da Universidade de Santiago de Compostela. O programa de visitas continuará este venres, 20 de abril, cunha viaxe formativa ao patrimonio medieval dos concellos lucenses de Meira, Mondoñedo e Foz. E os días 27 e 28 deste mes realizarán unha viaxe a Portugal, onde visitarán espazos relevantes das localidades de Coímbra, Batalha, Alcobaça e Tomar.