O Consello Regulador da D.O. Valdeorras activa unha nova campaña promocional dos viños da comarca que, baixo o eslogan Un brinde con sensacións, divulgarase a través de diferentes canles e soportes entre as que salientan a prensa en papel xeralista e especializada, portais web, blogs, redes sociais e vallas publicitarias.
No decurso do acto de presentación da iniciativa, o presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando, e o vicepresidente da entidade, Marcos Prada, pormenorizaron os detalles dunha campaña que pretende “fortalecer a marca Valdeorras”.
Precisamente, García Pando sinalou que a creación de marca “é unha das materias pendentes” do Consello Regulador. Por este motivo, “unha parte importante do orzamento deste ano destinarase a accións de promoción e comunicación”.
Neste sentido, o presidente da D.O. apuntou que os viños da comarca acaban de se presentar en Alimentaria Barcelona e que proximamente estarán presentes na prestixiosa London Wine Fair. “Temos a intención de desenvolver accións de promoción na Coruña, Madrid e no sur de España”, avanzou, para continuar destacando que tamén os viños de Valdeorras poderán degustarse en foros gastronómicos como Enofusión ou San Sebastián Gastronómika.
García Pando indicou tamén, en relación á comunicación da marca Valdeorras, que “pouco a pouco recibimos noticias que nos amosan que imos polo bo camiño. Así, recentemente, facíase público un estudo elaborado pola consultora Castro Galiana que desvelaba que a nosa D.O. e as súas bodegas e viños incrementaron a súa notoriedade mediática durante o ano pasado”.
Segundo detallou tamén perante os medios, “a nosa idea é continuar favorecendo accións de comunicación, sempre co fin último de contribuír a que as nosas adegas vendan máis viño”
Pola súa banda, Marcos Prada, vicepresidente do CRDO Valdeorras, explicou os pormenores da nova creatividade concibida para promocionar os viños da comarca. “Coa renovada imaxe gráfica que hoxe presentamos pretendemos chamar a atención dos nosos grupos de interese e situarnos como unha organización en evolución”, destacou.