A VII Feira da Sidra Natural e Ecolóxica celebrarse o sábado 2 de xuño na Estrada contará coa participación de lagares nacionais e internacionais (de Alemaña, Francia, Inglaterra e Portugal). As degustacións do produto exaltado complementaranse con outras actividades de carácter cultural e con diferentes actuacións e concertos.
Nos
últimos cinco anos en A Estrada, onde se produce unha das sidras de máis alta gama de Galicia, a sidra Ribela, incorporáronse un total de 19 persoas ao ámbito da
froiticultura de mazá de sidra e 11 delas solicitaron axudas de Medio Rural
para impulsar este tipo de actividades.
A presentación da festa tivo lugar nas
instalacións de Sidra Natural Peroja e a conselleira felicitou aos responsables
desta empresa “polo seu labor a prol das producións agroalimentarias propias da
contorna”. Puxo en valor, ademais, o feito de que comercializan arredor de
5.000 litros de sidra ecolóxica ao ano.
Este tipo de actividade, sinalou a
conselleira, contribúe de xeito moi importante á dinamización da economía local,
coa conseguinte creación de riqueza e emprego, e favorece tamén a fixación da
poboación que –lembrou– constitúe un dos grandes obxectivos da Xunta dentro das
súas políticas para o rural.
Ángeles Vázquez manifestou ademais que este aproveitamento
sustentable da riqueza natural de Galicia “constitúe unha das claves de futuro
do noso agro, tanto desde o punto de vista ambiental como económico e social”.
Por iso, engadiu, a Xunta fomenta, entre outras estratexias, “as canles curtas
de comercialización e o equilibrio en toda a cadea de valor da produción
agroalimentaria”, baseándose na colaboración público-privada para acadar estes
obxectivos.