Expertos na materia de contextos territoriais variados participarán do 8 ao 10 de xuño un seminario cunha duración de 30 horas sobre o "Desenvolvemento rural e os espazos naturais" no municipio de Vilariño de Conso, enmarcado "dentro da aposta da fundación a prol do desenvolvemento rural de Galicia"
O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, destacou durante a presentación a idoneidade de celebrar este seminario en Vilariño de Conso dado que ten "cerca do 80% da superficie municipal declarada como protexida, sendo o quinto concello de Galicia con máis territorio incluído dentro dunha figura de conservación da natureza".
"É un curso no que pretendemos analizar as posibilidades de desenvolvemento rural en territorios que teñen moitos espazos protexidos e con características especiais como é a escaseza demográfica e, para iso, imos contar cun elenco de profesionais de recoñecido prestixio a nivel nacional e internacional con experiencias de Francia, Portugal e mesmo de Italia para coñecer de primeira man cómo se actúa neses territorios moi similares a nós", explico José Manuel Andrade, director da Fundación "Juana de Vega".
O coordinador do seminario, Valeriá Paül, engadiu que se trata de "debater sobre o desenvolvemento rural, qué facer cando a maior parte do municipio é un espazo protexido. A efectos prácticos ten unha normativa que ten unha serie de consecuencias sobre a xestión diaria, e sobre a planificación de actividades de todo tipo. Isto que se pode percibir como algo negativo, nós queremos darlle a volta e converter esta situación nunha oportunidade de primeiro nivel como acontece noutros moitos países, por iso, o fundamental deste seminario é traer transferencias doutros casos, algúns de éxito como o caso de Francia, que teñen parques naturais como instrumento para desenvolver e activar o territorio, e outras experiencias con máis similitudes ao noso territorio como é o caso de Portugal".