Do 15 o 7 de xuño no paseo do Parrote, O Festival SAL celebra a súa primeira edición entre unhas xornadas nas que participarán 12 cociñeiros con estrellas Michelin e nas que se amosará todo o potencial e bo facer da cociña atlántica grazas á ampla representación dos locais de restauración da cidade.
"A Coruña é un dos nomes esenciais cando se fala de cociña e de produto galegos e a creación do Festival SAL vén a reforzar esta aposta", afirmou este mércores o alcalde, Xulio Ferreiro, que xunto co concelleiro de Emprego e Economía Social e tamén presidente do Consorcio de Turismo, Alberto Lema, presentou esta mañá a programación do evento. "No festival non faltarán algúns dos produtores, chefs e restaurantes do arco atlántico máis recoñecidos a nivel local, estatal e internacional, ademais dun rico abanico de actividades para descubrir a riqueza e a singularidade da nosa xeografía máis próxima", resumiu. No acto participaron tamén a xerente do Consorcio de Turismo, Lanzada Calatayud, o presidente de Coruña Cociña, Luis Veira, e o director de Trade Marketing de Hijos de Rivera, Manel Piñón.
Eeste novo festival, que se celebrará cada dous anos, reserva un espazo para a oferta gastronómica cunha vintena food trucks e restaurantes da cidade que achegarán propostas variadas e un escenario para preto de 20 demostracións de cociña a cargo de figuras de primeiro nivel do Estado e Portugal, entre os que se atopan 12 responsables de restaurantes galardoados con Estrella Michelin. Son os coruñeses Iván Domínguez e Luis Veira, os portugueses Henrique Sá Pessoa e Alexandre Silva, os asturianos Ricardo Sotres, Marcos Morán e Jaime Uz, o onubense Xanty Elías, o canario Carlos Villar e os galegos Javier Olleros, Caco Agrasar e Pepe Solla. "Sobre o papel xa podemos ver que estamos falando dun evento de primeira dimensión", valorou o concelleiro.
O público poderá tamén asistir as 25 charlas e obradoiros relacionados con produtos de proximidade -algas e mariscos, conservas vexetais, queixos, panes, viños ou marmeladas, entre outros. O evento complementarase con música en directo, da man de Hijos de Rivera, na que participarán "bandas de culto de jazz" .
Tal e como explicou o concelleiro de Emprego e Economía Social, o evento contará cun espazo infantil. O acceso será gratuíto, como para todas as actividades do festival, pero será necesaria a inscrición previa. Toda a información sobre a programación e os horarios está dispoñible na web www.festivalsal.es