O primeiro dos #RíasBaixasFests: o PortAmérica, foi presentado na Deputación de Pontevedra. O festival, que combina música, gastronomía e artesanía local e turismo familiar, chega un ano máis á carballeira de Caldas de Reis entre os días 5 e 7 de xullo no marco do Cultura Quente.
Na presentación, a Presidenta da Deputación, Carmela Silva, estivo acompañada polo alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, polo director e o subdirector do Festival, Joaquín Martínez e Carlos Rodríguez, o director de AGADIC, Jacobo Sutil, os representantes da Guía Repsol e de Estrella Galicia, Ana Ritter e Víctor Mantiñán, e o chef Pepe Solla.
Un dos elementos diferenciadores do PortAmérica será de novo o "ShowRocking", escollido como mellor zona de restauración dun festival a nivel estatal en 2015 e 2017 e que contará esta edición con máis de 30 nomes que suman un total de 30 Soles Repsol.
Entre o catálogo inicial de nomes que estarán no "ShowRocking" atópanse os chefs de #PontevedraProvincia Pepe Solla, Javier Olleros, Yayo Daporta, Diego López, Antonio Botana, Iñaki Bretal e Pablo Romero.
No cartel musical do PortAmérica 2018 resaltan grandes nomes como os de Vetusta Morla, Imelda May, Izal, Xoel López, Pussy Riot, La Pegatina, Miranda! ou El Columpio Asesino, entre moitos outros.
As entradas para o recinto están xa á venda, así como as da zona de acampada e as reservas dos autobuses gratuítos que conectarán diversas localidades galegas co recinto (haberá saídas desde Pontevedra, Vigo, Vilagarcía, Sanxenxo e Portonovo, Catoira, Bueu, Cambados e Cangas).
Por outra banda, segundo sinalaron os directores de PortAmérica, Joaquín Martínez e Carlos Rodríguez, "por cada entrada vendida imos plantar unha árbore autóctona nun monte de Caldas de Reis e permitiremos que esas persoas veñan connosco a rexenerar o monte que tanto sufriu especialmente o outono pasado".
O equipo director tamén avanzou que se rodará un documental sobre a montaxe e desenvolvemento da parte gastronómica, "que é o que nos diferencia", e tamén adiantou que "moi pronto poderemos anunciar que imos traspasar as fronteiras e celebrar unha edición en América do Sur".