A obra, San Froilán ¡tentacular! do autor David Segade foi a gañadora do cartel do San Froilán e Alba Bueno, a galardoada no concurso do San Froilán Miúdo polo seu deseño Los pulpos bailan con elegancia. Nesta edición presentáronse un total de 19 traballos para o concurso do cartel do San Froilán e para o San Froilán Miúdo un total de 67 obras.
A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, deu a coñecer este martes o cartel anunciador do San Froilán 2018 tras a reunión dun xurado profesional na Casa Consistorial.
Un xurado cualificado composto polo profesor da Escola de Arte Superior de Deseño Ramón Falcón, Alejandro Carro, o deseñador gráfico, Julio Seijas e a directora da galería de arte About Art, María Díaz, escolleron os deseños gañadores tras a votación popular nas redes sociais.
Os membros do xurado destacaron que o deseño gañador do San Froilán amosa unha imaxe da cidade de Lugo moi orixinal a través dunha chamativa utilización da cor e a composición do deseño, que da como resultado unha imaxe que nunca antes se vira nun cartel anunciador destes festexos. Nesta mesma liña, a obra premiada do San Froilán Miúdo recolle os elementos característicos destas festas: o polbo, a feira e a tradición galega a través dun traballo moi laborioso.
O gañador do deseño do cartel do San Froilán recibirá como premio, un importe de 2.000 euros e a galardoada no San Froilán Miúdo un premio adaptado a súa idade, por valor de 300 euros.