Co gallo da celebración do noveno aniversario da Torre de Hércules como Patrimonio Mundial da UNESCO, até o vindeiro domingo 1 de xullo, sucederanse diversas actividades tanto no interior do faro como na súa contorna.
O monumento acolle a exposición fotográfica Máis que unha Torre, que mostra unha selección de 20 fotografías que participaron no certame organizado, entre o 25 de maio e o 10 de xuño, a través da rede social Instagram, e cuxo reto foi capturar as actividades lúdicas, sociais, produtivas ou deportivas que ocorren nos arredores da Torre de Hércules, na que esta adoita un papel secundario. O concelleiro Alberto Lema foi o responsable de inaugurar a mostra, que contén tamén as tres imaxes gañadoras presentadas por Isabel Pérez, Marduk Manturano e María Ángeles Regueiro.
Durante este mércores, ademais, púdose visitar de balde a Torre pola xornada de portas abertas que se está a desenvolver, así como asistir ás recreacións históricas Ave Crunia, que chegan ao pé do faro da man da asociación cultural Royal Green Jackets.
Ao longo da xornada de hoxe e do venres, celebraranse distintas actividades creativas para todos os públicos e novas recreacións históricas. Ademais, neste aniversario farase fincapé na proposta municipal do ENIL da Torre e de visibilizar a riqueza súa contorna natural, a través dunha nova visita Sae do niño. Achégate á natureza --do programa de educación ambiental da Concellería de Medio Ambiente--, que terá lugar o venres ás 17.00 horas, e unha Xincana da natureza, organizada en colaboración co Grupo Naturalista Hábitat e que sairá da rotonda de Breogán ás 18.00 horas. A partir desta hora, comezará tamén unha parada gastronómica que contará con varias food trucks ao pé da Torre durante toda a fin de semana.
O sábado 30 celebraranse diferentes obradoiros de sombras chinesas e de marionetas de papel para nenas e nenos de entre 6 e 11 anos --previa inscrición a través de talleresinfantilescoruna@gmail.com-- e, contra ás 22.00 horas, un espectáculo de teatro clásico ao aire libre, Troyanas. Xa o domingo 1, entre as 12 e 14.00 horas terá lugar unha serie de actividades promovidas pola AVV As Atochas-Monte Alto coa colaboración do IMCE, e que inclúen as actuacións do Orfeón Herculino e a A. S. Aturuxo.