Gadisa renovou o seu convenio de colaboración, que cumpre 15 anos, co Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), nunha nova mostra do compromiso da compañía coa preservación do medioambiente, na véspera da celebración do Día Mundial adicado a esta causa. A firma plasmouse no Castelo de Santa Cruz (A Coruña), sede do CEIDA, dependente da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia, a Universidade da Coruña e o Concello de Oleiros.
Gadisa e o CEIDA manteñen unha longa traxectoria de cooperación, asentada na crenza compartida de que é necesario levar a cabo, dende a infancia, un labor de educación e sensibilización, con espírito formativo, que fomente o respecto e coidado do medioambiente e a utilización racional dos recursos.
No transcurso destes anos de traballo conxunto, GADISA brindou o seu respaldo a preto de 100 actividades impulsadas polo CEIDA. Entre os distintos exemplos de esforzos coordinados cabe destacar a celebración das exposicións sobre o “Cambio climático” e as “Áreas mariñas protexidas”.