Máis de 40 propostas no IX Festival Internacional de Xardíns de Allariz

O Festival Internacional de Xardíns de Allariz baixo o tema central “Erotismo no Xardín” ten en marcha a súa novena edición, que poderase visitar ata finais de outubro.

Un recinto que alberga 10 xardíns seleccionados entre máis de 40 propostas recibidas de todo o mundo. Móstranse, ademais, os xardíns do gañador do ano pasado, que permanecerá exposto durante esta edición, e o xardín realizado, este ano, polos mozos e mozas de 3º da ESO do IES Allariz.

Paisaxistas galegos, de Brasil, Portugal, Noruega, Italia, Francia, Perú ou Xapón participan na edición do Erotismo na que os visitantes poderán gozar de espazos para o romance e a paixón, para o xogo e o coqueteo. Xardíns con labirintos, fontes, aromas florais evocadores que os converten en lugar idóneo para a sedución, xardíns que convidan á intimidade, á sensualidade, ao cortexo. 

O Festival Internacional de Xardíns de Allariz converteuse nunha cita consolidada no panorama paisaxístico e referente a nivel estatal por ser o único con estas características, polo que pasan, de maio a outubro, preto de 40.000 visitantes.