Este ano, a 11ª etapa da Vuelta —que se disputa o 5 de setembro entre Mombuey, A Ribeira Sacra e Luíntra— percorrerá 11 concellos ourensáns: A Mezquita, A Gudiña, O Bolo, Viana do Bolo, Larouco, Pobra de Trives, San Xoán de Río, Castro Caldelas, A Teixeira, Parada de Sil e Nogueira de Ramuín.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar destacou durante a presentación o "impacto promocional que supón para a provincia de Ourense unha cobertura informativa que abrangue 190 países, con 1.200 xornalistas e fotógrafos acreditados, unha caravana de 2.500 persoas que xeran en cada etapa un gasto diario de 250.000 euros, e un seguimento a través de Internet de 12 millóns de persoas".
A Deputación de Ourense colabora con este evento "co obxectivo de promocionar o turismo deportivo, o termalismo e a riqueza, monumental e natural da provincia, impulsando internacionalmente a "marca Ourense", expresou Baltar, engadindo que a Vuelta "significa moito máis que unha proba deportiva, polo que supón de dimensión económica, social e de promoción turística dos territorios".
Ese mesmo día, 5 de setembro, na contorna do Campus de Ourense instalarase o "Parque Vuelta", un espazo temático de ocio para achegar este evento deportivo a toda a familia. A caravana publicitaria desta edición inclúe novamente un vehículo coa imaxe promocional da provincia de Ourense e está integrada por 16 marcas, con 28 vehículos e percorrerá 400 municipios de España.
f_ depourense.es
f_ depourense.es