Os días 3, 4 e 5 de agosto terá lugar a 39ª Festa do Pemento de Arnoia, declarada de interese turístico galego, unha celebración na que colabora a Deputación de Ourense, que une gastronomía, cultura e deporte, e na que a organización prevé a asistencia dunhas 12.000 persoas e máis de 3.000 quilos de pementos
Así, un ano máis se pon en valor o pemento cultivado nas terras de Arnoia, o cal, pola súa calidade e singularidade conta co distintivo de Indicación Xeográfica Protexida (IXP), acreditado desde o ano 2010.
En paralelo ás actividades gastronómicas, o programa inclúe a 1ª Concentración de vehículos clásicos, e no apartado musical destaca o Certame de pandeireteiras, "que ten como obxectivo recuperar a tradición oral das nosas cantigas e, ao mesmo tempo, pór en valor a música contemporánea galega", afirmou Purificación Domínguez. No apartado deportivo, comentou, celebrarase o 5 de agosto a carreira popular "8.000 varas Arnoia", que terá un percorrido de 10 quilómetros sobre terra e asfalto.