A Festa do Carneiro ó espeto de Moraña amosou este domingo a súa boa saúde. Preto de 3.000 persoas degustaron os 175 carneiros que se asaron dende o mencer na carballeira de Santa Lucía, completando o aforo dispoñible.
Non cabía un alma na carballeira, na que un ano máis (e xa van 49) se congregaron veciños e visitantes para gozar dun produto de gran calidade asado con mimo durante horas ata acadar a súa mellor versión.
Na festa estivo presente o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado pola alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, que xa amosara a súa satisfacción porque se completaran as prazas para o xantar popular, o que demostra que a festa vai por moi bo camiño, xa que esperta un gran interese, e que a calidade do produto e o prestixio dos nosos mestres asadores son recoñecidos e cada vez máis coñecidos en toda Galicia”.
“É un orgullo ver como, ano tras ano, enchemos as case 3.000 prazas da Carballeira de Santa Lucía" explicou a rexedora, que indicou que “é unha mágoa que non dispoñamos de máis espazo, porque estou segura de que tamén o completariamos”.
Apagados os lumes e cheos os estómagos, agora só queda agardar á edición do cincuenta aniversario, que de seguro será moi especial.