Carneiro ó espeto, festín carnívoro en Moraña

Entre tanta exaltación dos productos do mar, os máis carnívoros da mesa poden perderse un pouco. Pero que non teman, eles tamén terán o seu día grande se se achegan a última fin de semana de xullo á XLIX Festa do Carneiro ó espeto de Moraña.

Falamos dunha festa de renome, declarada de interese turístico galego, que cada ano congrega milleiros de persoas na carballeira de Santa Lucía, onde se asan os carneiros de forma lenta e agarimosa, máis de oito horas abertos en canal en forma de dobre cruz sobre unha estrutura de ferro, colocados en círculos arredor das brasas de madeira de carballo.

Lonxe das presas que a miúdo caracterizan a cociña diaria, os cociñeiros morañeses tómano con calma. Dende as sete da mañá comezan a asar os carneiros cunhas brasas suaves que permiten que a carne se faga lentamente, adquirindo o mellor sabor posible.

Conseguen así unha xusta homenaxe para un prato tradicional no concello de Moraña, habitual nas celebracións familiares dende os anos vinte, cando a un morañés xubilado na Arxentina se lle ocorreu asar carneiros ao estilo “pampero” na beira do río Umia.

Un século despois, todos podemos achegarnos a degustar este manxar. Se queremos reservar lotes ou 
procurar máis información, só temos que visitar a web do concello de Moraña. www.morana.org www.festacarneiroespeto.com