Caudal Fest, música na contorna do río Miño

A partir de mañá podénse mercar as entradas para o Caudal Fest, que reunirá o 21 e 22 de setembro en Lugo un cartel musical de primeiro nivel, poñeranse á venda mañá; as 1.000 primeiras, a 25€ (máis gastos de xestión). Poderanse retirar a través da páxina web do evento www.caudalfest.es e na plataforma oficial de entradas www.entradasatualcance.com

Cun cartel de primeiro nivel, o Caudal Fest ofrecerá a posibilidade de gozar da música en directo de artistas de masas ou de número un de vendas. O Concello de Lugo aposta pola sinerxia do público-privado para levar a cabo este festival, que ten como obxectivo xenérico promover a imaxe de Lugo a través do seu patrimonio medioambiental, con atractivo turístico e cultural. Para conseguilo, deseñouse un cartel que, polo momento, suma os seguintes nomes de renome -na xornada de pago-: Vetusta Morla; Iván Ferreiro; Mala Rodríguez; Novedades Carminha; DePedro; Andrés Suárez (acústico); e Eme Dj. Nos vindeiros días seguiranse anunciando artistas para este festival.

Con esta iniciativa turístico cultural, o Concello de Lugo cumpre as gañas dun macrofestival urbano en Lugo, cunha programación moi coidada, pensado para varios públicos, de proxección internacional e de grandes dimensións. O festival está subdivido en dúas xornadas: unha de balde, o venres 21 de setembro, e unha de pago, o sábado 22; en dous espazos máis que privilexiados e únicos da cidade. 

Concretamente, o segundo terá lugar na contorna do río Miño, o que converterá ao Caudal Fest nun dos festivais urbanos con máis atractivo medioambiental. Apóstase, deste xeito, pola revitalización desta zona verde e fluvial da cidade, co obxecto de que Lugo deixe de darlle ás costas ao río e mire, en termos de desenvolvemento, cara o Miño. Ademais, na liña de seguir poñendo en valor o casco histórico da cidade, o venres os concertos serán na Praza de Santa María.

Co Caudal Fest, Lugo posiciónase dentro do mapa nacional e internacional dos festivais, sendo o principal de fin de temporada no territorio nacional. Está concebido para gozar da natureza do municipio a través da música. Beneficiará ao sector turístico a través do cultural, e concretamente dende a perspectiva da música, pero tamén ao sector empresarial local.

f_ lugo.gal