Monforte de Lemos, capital de Ribeira Sacra, acolle dende hoxe ata o domingo a segunda edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra. O viño, a música, o turismo, a gastronomía e a artesanía serán as protagonistas desta esperada festividade.
Coincidindo coa apertura do Festival, o Consello Regulador deu a coñecer os gañadores da Cata dos Viños da Ribeira Sacra ao longo dun xantar celebrado no Parador monfortino.
Os gañadores foron, en brancos, Lugar do Vento, de Roberto Regal; Viña Peón, de Ernesto Rodríguez y Viña A Friera, de Carlos Rodríguez, respectivamente primeiro, segundo e terceiro. Viña Garoña, da adega do mesmo nome; As Glorias, de Adegas Amedo e Almalarga, de Alma das Donas, ocuparon, por esa orde, o esaclon do podio en tintos; mentas que Don Bernardino Cuarta Generación foi o distinguido en viños doutras añadas.
O Festival do Viño da Ribeira Sacra ofrecerá ao longo de 3 días unha oportunidade única para coñecer as súas paisaxes, para descubrir que é iso que chaman “viticultura heroica”, para percorrer a súa historia, para coñecer a súa artesanía milenaria e á vez, poder degustar nunha contorna idílica uns viños que son moito máis que viño, todo iso nun ambiente tranquilo e relaxado onde todo o mundo pode gozar dunha oferta lúdica, cultural, gastronómica e turística a través das múltiples actividades deseñadas para todos os públicos.
Este ano, o Festival do Viño da Ribeira Sacra, ofertará 6 novas rutas turísticas deseñadas exclusivamente para esta edición na que descubriremos os encantos dos ríos Miño e Sil, viaxaremos ata o Val de Quiroga onde cepas e oliveiras, veu e aceite, conviven en perfecta harmonía. Camiñaremos entre viñedos e sentiremos todo o que nos ofrece unha terra única, poboada por unhas xentes que hai 3 décadas foron capaces de imaxinar un mellor futuro para os seus fillos, un futuro para unha terra de viño que deu nome e limitou xeograficamente un territorio que acertou en chamar Ribeira Sacra.
Os máis pequenos tamén poderán pasalo moi ben e aprender cos talleres infantís de manualidades que desenvolverá Imaxinatia. Se o desexan, poderán descubrir un oficio como a Olería Tradicional de Gundivós, da man dun dos últimos oleiros que seguen traballando e que loita día a día por manter con vida un oficio milenario que corre o risco de desaparecer. Os que se animen a experimentar cos sentidos, sorprenderanse coa proposta do taller sensorial “Xogo de Sabores” ou tamén se poderán rir e divertir no taller tradicional de contacontos que levará a cabo Anxo Moure.