A Deputación de Pontevedra lanza un programa de subvencións para promover accións e actividades turísticas este ano, coa finalidade de promocionar e estimular un sector turístico competitivo, de calidade, accesible e sustentable na provincia.
A natureza, o medio ambiente, a paisaxe, o patrimonio cultural ou a gastronomía serán algúns dos recursos turísticos a promover mediante esta iniciativa. Aquelas entidades que non pertenzan á Administración Pública, que carezan de ánimo de lucro e que conten con domicilio social na provincia de Pontevedra, ademais de estar ao corrente das obrigacións coas diferentes administracións, poderán beneficiarse destas axudas. A información está detallada no Boletín Oficial da Provincia.
Por outra banda, as actividades que obtivesen subvencións da Deputación de Pontevedra no mesmo período, os gastos correntes ou as viaxes e excursións de lecer que carezan de contido turístico, non serán subvencionables.
O financiamento total deste programa de subvencións será dun total de 130.000 euros. A dotación económica non excederá o 70 % do orzamento nin superará os 7000 euros por proxecto. Ademais, os beneficiarios deberán xustificar os gastos e o cumprimento dos obxectivos para os que se lle concedeu a axuda.
As persoas interesadas poderán presentar unha única solicitude mediante un formulario dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra, achegando a documentación correspondente. Toda a documentación sobre esta iniciativa está dispoñible no Boletín Oficial da Provincia.