Presentación da programación das Festas de María Pita 2018

Ven de presentarse o cartel e a programación das festas de María Pita 2018, que levan por lema A cidade soñadae que se celebrarán entre o 1 e o 26 de agosto. A cartelería das festas da cidade é obra Iria do Castelo, moi representativa do seu traballo na que destaca a ironía, a irreverencia e o surrealismo, e que se centra na cidade e na relación das súas e dos seus habitantes co mar,

Este ano, os festexos destacan pola súa calidade así como pola variedade do rexistro artístico, mostran a consolidación da multiplicación da actividade escénica infantil ou da reinvención da Romaría de Santa Margarida e aluden tamén a unha implicación da cidadanía dun xeito máis elocuente". 

Comezarán o 1 de agosto, co pregón inaugural que ofrecerá, ás 21.30 horas, a creadora coruñesa Mercedes Peón, "nunha decidida aposta do goberno local que dá conta do lugar que ocupan as artes e a cultura para a cidade, así como a presenza feminina", sinalou o edil, quen destacou como "fundamental" a participación de artistas e creadoras no conxunto da programación lúdico-festiva. De seguido, ás 22.30 horas, a cantante Gloria Gaynor será a responsable de abrir os concertos do ciclo As noites de María Pita que, en días sucesivos, ofrecerá actuacións da propia Mercedes Peón (xoves 2), Estrella Morente (venres 3), Raphael (sábado 4) e Cantajuegos (domingo 5). Esta última proposta adaptará o seu horario ao público que se dirixe, o infantil, polo que a actuación comezará ás 20.30 horas.

Tamén o día 1 comezará a Feira do Libro, que se celebrará entre os días 1 e 10 de agosto nos xardíns de Méndez Núñez, "que se consolida como o epicentro das letras e da artesanía durante o mes de agosto", apuntou Sande, e incluirá actividades para o público infantil a través da programación O Xardín dos Libros, ademais de outras iniciativas promovidas polas propias librarías da cidade, dando así continuidade á liña de traballo de reformulación da proposta posta en marcha o ano pasado polo executivo municipal. Ademais, desde o 6 de agosto e até o 12 celebrarase a XXI edición do Salón Internacional do Cómic Viñetas desde o Atlántico, "un festival especializado dun núcleo creativo que se debe apoiar e que se atopa, ademais, nun momento de efervescencia, e que se reforza desde o Concello a través da idea do cartel de autor", apuntou José Manuel Sande e, de cara a terceira semana de agosto, a Feira do Libro Antigo tomará o relevo da programación neste mesmo espazo.

Na primeira semana de agosto comezará tamén outra das propostas musicais vinculadas tradicionalmente ás festas, como é o XXXIV Festival de Habaneras, que se celebrará do 2 ao 8 na praza da Tolerancia. Este mesmo espazo acollerá, a partires do día 7 e até o 15, o III Festival de Arraigo --que tamén se desenvolverá na praza Pablo Iglesias-- así como o XXXII Festival de Folclore Internacional Cidade da Coruña (8 ao 12) --que transcorrerá entre estes dous espazos--.

De cara á segunda semana de agosto, a música expandirase a través do Festival Noroeste Estrella Galicia, con concertos de máis de 80 bandas e artistas por outras 14 localizacións simbólicas da Coruña, "que abranguen desde unha antiga fortaleza do século XVI até centros de arte contemporánea, pasando por espazos históricos e singulares", salientou o edil. "O Noroeste, que se converteu nestes tres anos nunha cita referencial no calendario musical estatal, suma músicas cheas de versatilidade e matices con arquitecturas da cidade, o que axuda, unha vez máis, a proxectar a cidade a través da cultura", aseverou o edil, quen lembrou que este ano o festival ampliará a súa convocatoria para todos os públicos con dúas xornadas de actividade escénica e musical no Paseo das Pontes, no marco do Mercado da Colleita.