A Coruña edita un novo folleto adicado á Cidade Vella e mapas turísticos

O novo material editado polo Consorcio de Turismo está xa dispoñible na Oficina de Turismo municipal da Praza de María Pita e no Centro de Interpretación e Atención ó Visitante (CIAV) da Torre de Hércules, incluíndo un novo folleto dedicado á Cidade Vella publicado en sete idiomas (galego, español, inglés, francés, portugués, alemán e italiano).

A actualización responde á demanda das suxestións realizadas polo sector hostaleiro da cidade, incluíndo a presenza daqueles establecemento non situados no centro urbano, así como outras novidades tiradas das opinións de turistas e visitantes nas distintas oficinas da cidade e recollidas tamén en enquisas a nivel de rúa.

O folleto adicado á Cidade Vella está encabezado pola frase de María Pita Quen teña honra, que me siga e fai unha homenaxe á figura da heroína coruñesa, un dos nomes propios da cidade, ó que se unen outros persoeiros femininos como é o caso de Emilia Pardo Bazán e Rosalía de Castro. Ofrece un percorrido por vinte puntos de interese e monumentos das rúas do casco histórico local, incluíndo o Castelo de San Antón.

Os mapas están editados en tres formatos. O primeiro deles, de maior tamaño, ten como principal novidade un completo e revisado rueiro da cidade, así como unha información máis extensa sobre os servizos de interese para os e as visitantes, como poden ser a actualización das liñas de transporte público, comunicacións co aeroporto de Alvedro, as áreas de circulación peonil do centro urbano ou o monte de San Pedro e a súa contorna. Inclúe tamén como outra das novidades a varios establecementos hoteleiros nos arredores da cidade e unha revisión dos accesos viarios. É especialmente importante, neste senso, a presenza do túnel do Parrote, un dos eixos de maior tráfico rodado no núcleo urbano.

A versión despregable, que xa se pode consultar na páxina web, está publicado en tres idiomas (galego, español e inglés). Tamén está xa na rúa un terceiro formato, de menor tamaño, que inclúe dez puntos imprescindibles para visitar A Coruña: praza de María Pita, Cidade Vella, porto e galerías, Paseo Marítimo e praias, castelo de San Antón, Torre de Hércules e o seu parque escultórico, Museos Científicos, monte de San Pedro, a arquitectura modernista e a cociña atlántica. As explicacións tamén se poden ler en galego, español ou inglés. Este modelo se distribuirá fundamentalmente nas oficinas de Turismo e tamén en hoteis, centros de hostalería ou eventos.

Como indica o concelleiro de Emprego e Economía Social e tamén presidente do Consorcio, Alberto Lema, esta actuación "está enmarcada no Plan de Revitalización da zona histórica da cidade e ten como obxectivo impulsar o seu crecemento e descuberta". "Queremos ofrecer ás persoas que nos visitan pero tamén á veciñanza unha guía dedicada en exclusiva a descubrir o patrimonio histórico e cultural que alberga este espazo e que se pode apreciar mellor dende a súa peonalización no pasado mes de xuño", indica Lema.

f_coruna.gal