Do 14 ao 16 de setembro o municipio da Veiga convertirase na capital da astronomía en Galicia baixo o lema "V xornadas de astronomía no mellor ceo de Galicia". Estamos a falar dun dos catorce destinos turísticos "Starlight" no mundo que conta con esta certificación e que converte a Trevinca nun dos mellores lugares do mundo para contemplar as estrelas
A Deputación de Ourense colabora coas xornadas AstroTrevinca 2018 ,"un evento de referencia no eido da astronomía en Galicia", dixo Rosendo Fernández, quen destacou que "non só é unha cita para investigadores e profesionais da materia, senón que tamén está dirixido a todo o público en xeral que estea interesado na observación do ceo".
Comezarán o día 14 de setembro, ás 20.00 horas, no edificio do Toural e, posteriormente, ás 22.00 horas, terá lugar a observación na Tablilla. O día 15 de setembro, no edificio de conferencias do Toural, celebraranse diferentes conferencias que abordarán as seguintes cuestións: "Arqueoastronomía, o ceo no pasado", "Astrotimelapses, fotóns en movemento", "Astronomía para influencers", "Ligar con astronomía", "A astronomía de Julio Verne" e "Fotografía nocturna e astropaisaxe". A xornada do sábado rematará coa observación astronómica na Tablilla, ás 22.00 horas.
Por último, o domingo, 16 de setembro, ás 11.00 horas, terá lugar unha visita ao lugar de construción do Observatorio Astronómico de Trevinca no que se explicará aos participantes este proxecto e, ás 12.00 horas, a programación centrarase na Astrofotografía. Pola tarde, ás 16.00 horas, os participantes poderán gozar dun paseo en catamarán polo encoro de Prada ou dunha visita a "Cántara de Moura".
O proxecto está pensado para que todo o mundo poida gozar do ceo da Veiga e do seu entorno, ademais de ter unha parte tamén científica, tendo como obxectivo final que A Veiga sexa "o referente do turismo rural galego".
O coordinador das xornadas destacou a idoneidade da Veiga para a observación do ceo "pola súa baixa contaminación lumínica, pola climatoloxía ao ser onde máis noites e días despexados hai ao ano, e pola súa gran altitude que fai que a atmosfera mostre as súas mellores condicións. E, por último, porque combina moi ben a paisaxe do terreo coa paisaxe do ceo".
Os interesados en participar poderán anotarse a través do número de teléfono 988350130 ou do correo electrónico trevincastarlight@gmail.com.