
Neste órgano colexiado de goberno da axencia figuran sete vogais nomeados pola propia conselleira. Deles, un como representante da Consellería de Facenda, catro responsables do departamento de Medio Rural e dúas persoas escollidas de entre os órganos da axencia, ambos con competencias en investigación agraria e formación.
Agacal é o instrumento básico de actuación da Xunta en materia de promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos acollidos aos distintos indicativos de calidade, así como de potenciación da calidade da produción alimentaria galega, concentrando as actividades investigadoras e de desenvolvemento tecnolóxico no eido alimentario.
Agrúpanse así todas as competencias relacionadas coa aplicación da Investigación, Desenvolvemento e innovación (I+D+i) ao agro, así como as relativas á formación, de maneira que todos os centros formativos da Consellería do Medio Rural dependen xa directamente de Agacal.
A axencia estruturase en diferentes departamentos: innovación tecnolóxica, promoción da calidade agroalimentaria e formación. Deste último, dependen os centros de formación e experimentación de Medio Rural (Pedro Murias, Guísamo, Lourizán, Monforte, Sergude e Becerreá). Así mesmo, coordina os centros de investigación, caso dos de Mabegondo, a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) ou o Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia, entre outros.
Agacal coordina, polo tanto, todas as accións de promoción dos produtos agroalimentarios que promove a consellería, desde a presenza en feiras e certames nacionais e internacionais ata a organización de catas e premios, así como outros eventos sectoriais e demais iniciativas de posta en valor de toda esta riqueza.