Coa Festa do Pan, declarada de Interese Turístico de Galicia, Neda pon en valor o seu producto gastronómico por excelencia, aquel que durante séculos converteu á real vila en capital do trigo de Galicia.
A orixe da tradición panadeira de Neda remóntase á Idade Media, cando nacen importantes industrias, como os muíños de trigo, en torno ao río Belelle. Nos últimos 25 anos, e xa van para 26, Neda celebra a súa festa de exaltación do pan. Sempre, o primeiro domingo do mes de setembro.
Unha cita que, cada exercicio, convoca a máis público desexoso de saborear un pan sen comparación. E, tamén, de participar nunha festa que, grazas ao traballo que durante todo o ano realiza o Concello, suma novos atractivos e actividades.
Como vén sendo habitual nos últimos tempos, o escenario elixido é o Paseo Marítimo. Dende primeira hora da mañá, as panadarías comezan a venda de pan, empanadas ou repostaría. Xunto ao despachos das panadarías, a xa tamén tradicional feira de artesanía con ducias de postos que ofrecen unha coidada selección de produtos de todo tipo.
E música ao longo de toda a festa, coa participación de grupos e bandas de diferentes estilos musicais pero cun único obxectivo: manter o ánimo ben alto.