Mougán, os outros pementos imrescindibles

Amparado por unha Indicación Xeográfica Protexida (IXP), din os expertos que o Pemento de Mougán ten un froito semicartilaxinoso de cor verde en estado de inmadurez e vermello cando madura.

De forma cadrada, colléitase verde (estado inmaduro precoz) para a súa comercialización en fresco. Posúe unha pel de cor verde oscura brillante e presenta carne de textura fina e xugosa, de sabor doce, lixeiramente herbáceo e por veces picante, con aroma de intensidade moderada. Un moi especial sabor, diferente ao doutros pementos.

Como tantos produtos da nosa horta estes pementos chegaron dende América, sumando e enriquecendo as especies autóctonas co seu sabor suave e característico. ¿Cómo cruzaron os pementos o Atlántico?

Pois segundo a tradición oral da zona foi cousa da igrexa. Foron os monxes que no seu día habitaban Mosteiro os que trouxeron as plantas dende México, transportándoas por unha estrada que levaba o nome de Mougán e que acabaría bautizando os novos pementos.

Para poñer en valor este produto da horta, o Concello de Guntín adícalle unha festa gastronómica, que se celebra o sábado día 25 de agosto. Nesa data, e xa van aló dezaseis, polo tanto esta e décimo-sétima, a carballeira de Meixaboi, en Guntín de Pallares (Lugo) acolle a xornada gastro-festiva.

A cita conta con todos os alicientes propios da ocasión, ofertas artesanais, música e actuacións folclóricas, como complemento do feito importante, saboroso e significativo da degustación do Pemento de Mougán, con independencia de que se pode gozar en temporada nos locais de hostalería do municipio. A mesa e mantel piden pemento, pero que sexan de Mougán, por favor.

En saíndo do Lugo (Lucus Augusti) bimilenario está Guntín, o espazo descrito como Aqua Quintinae nas tablas de Ptolomeo. Hai tamén referencias ao pasado romano -explotación do ferro, á que apunta o río Ferreira- e ecos das revoltas Irmandiñas (s. XV). Sen esquecer a vertente xacobita, pois asoma Guntín ao Camiño Francés que conduce aos peregrinos á meta compostelana.