Os edificios visitables do Museo de Pontevedra voltan a superan a cifra das 100.000 visitas antes de rematar o mes de agosto, cifra que se igualara no ano 2017 pero que no 2016 se acadara no mes de novembro.
Tamén repiten como o monumento máis visitado, con 59.812 visitantes, as Ruínas de San Domingos. En canto ás exposicións temporais foi a mostra antolóxica dedicada ao arquitecto Alejandro de la Sota a que máis visitantes recibiu con 11. 015.
Por meses e nos edificios Sarmiento e Sexto, os que máis visitas contabilizaron foron o mes de marzo, con 6.222 visitantes, e abril con 7.022, meses nos que se celebraron obradoiros e actividades complementarias como as Visitas Cruzadas, as visitas á mostra de ilustración mexicana do Salón do Libro, a celebración da entrega do premio Otero Pedrayo a Margarita Ledo, os dous espectáculos da Noite dos Museos, os obradoiros de Prehistoria do programa Telecultura, e presentacións como a do libro ‘Cartolatría' ou o documental ‘Arte+Muller+Galicia'.
En canto ás exposicións temporais no Sexto Edificio, ‘Alejandro de la Sota. Pontevedra, 1913 – Madrid, 1996. Construírse/ Construír', que tivera lugar entre o 6 de abril e o 27 de maio, chegou aos 11.015 visitantes; seguida de ‘A beleza oculta' a mostra comisariada por nenas e nenos e que puido visitarse do 16 de febreiro ao 18 de marzo con 5.215 visitas; ‘Ver e tocar: exposición itinerante do Museo Tiflolóxico da ONCE', entre o 8 de febreiro e o 11 de marzo, con 4.584 visitas; ‘Iso segue o seu curso' a mostra que reuniu os traballos do Máster de Arte Contemporánea entre o 5 de xuño e o 8 de xullo, acadou as 4.464 visitas; e ‘Novos Valores 2017' coas obras das bolsas concedidas neste certame, e que se puido ver entre o 21 de xuño e o 22 de xullo, chegou aos 3.609 visitantes.
f_ depo.gal