
Estes son algúns dos datos achegados pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, durante a súa participación en Melide nunha charla informativa sobre a produción de mel organizada pola Asociación de Mulleres Catasol e o concello desta localidade coruñesa. A conselleira destacou tamén que este mel prodúcese nun total de 45.496 colmeas e que son 29 os envasadores inscritos na devandita IXP.
Na súa intervención, Ángeles Vázquez sinalou que este produto é moi nutritivo e mesmo ten importantes características terapéuticas. Así, dixo que aporta ao organismo azucres simples de fácil asimilación, proteínas, oligoelementos (fósforo, sodio, potasio ou ferro) e vitaminas. Por iso defendeu o seu consumo, e moito máis cando se trata de mel amparada pola IXP de Galicia.
A conselleira fixo un percorrido polos procesos de obtención do produto, composición nutricional, envasado, etiquetaxe ou tipos de mel. Con respecto a estes últimos, indicou que en Galicia existen a multifloral e as monoflorais de diversas especies, como o castiñeiro, eucalipto, breixo ou silva, entre outras, repasando as características de cada unha delas.
A titular de Medio Rural fixo referencia, ademais, á normativa galega sobre venda directa, que permite aos apicultores comercializar o seu produto desde as súas explotacións ata o consumidor final, cumprindo unha serie de condicións. Esta posibilidade supón unha gran vantaxe para os produtores á hora de vender o seu mel.