Preséntase a XV edición do Concurso de Tapas Picadillo,

Este ano o Concurso de Tapas Picadillo complementarase con distintas actividades ao longo do outono e o inverno que teñen como nexo denominador á figura do alcalde Puga y Parga, Picadillo, ao cumprise cen anos da súa morte. Comezará o próximo sábado, día 1, e se prolongará até o día 16, con 71 establecementos participantes e 91 tapas elaboradas de xeito artesanal.

Actividades que van dende o cinema, até xornadas gastronómicas de degustación de bacallau, concursos en redes sociais e visitas guiadas. O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, incidiu en que "A grandeza da gastronomía nesta cidade é que constitúe un atractivo máis da mesma, ligada á súa historia e identidade, como podemos ver na propia figura do alcalde Picadillo, e relacionada directamente co noso espazo público", comentou Lema. O edil avanzou tamén que se está a ultimar unha publicación sobre a figura de Puga y Parga que recolle "elementos da súa vida e da actual gastronomía coruñesa".

O certame incluirá nesta XV edición unha categoría extraordinaria: o Premio Especial Centenario, que distinguirá a mellor tapa que "reinterprete unha das receitas do seu libro La cocina práctica". Existirán ademais 22 tapas en categoría maridaxe que se ofertarán cun viño da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. As tapas deberán ser elaboradas con produtos galegos. Un xurado de expertos, no que participará a neta de Picadillo, Chau Fernández-Gago Puga, seleccionará os mellores pratos e na categoría de maridaxe, xunto a un grupo de prestixiosos e prestixiosas sumilleres da Asociación Galega de Sumilleres.

Entre os galardóns figuran o premio á mellor tapa creativa e á mellor tapa tradicional, dotados cada un con 1.000 euros, e o recoñecemento á mellor maridaxe con viños, que consistirá nunha visita e cata a bodegas da D.O Ribeira Sacra, colaboradora nesta edición do evento gastronómico. "A entrega de premios celebrarase o día 30 coincidindo co centenario do pasamento de Picadillo", indicou Calatayud, quen agradeceu a colaboración da familia de Puga y Parga.

Repetirase tamén o premio para a tapa por votación popular, premio Cidade da Coruña. Habilitaranse furnas e cupóns de votación nos establecementos participantes, que recibirán un galardón de 500 euros. Ao remate do concurso haberá un sorteo de diferentes premios entre todos os votantes, como xantares e ceas en restaurantes gañadores, oito bonos Termaria en Familia, premios para unha ruta en veleiro e por primeira vez, haberá premio con voos Coruña vista de paxaro. 

Co obxectivo de facilitar a degustación das tapas, o concurso deseñou "catro rutas ubicadas en distintos barrios da cidade", indicou xerenta do Consorcio de Turismo da Coruña, Lanzada Calatayud, "Unha será Cidade Vella, Monte Alto e Zalaeta, con 20 establecementos; outra da zona céntrica de viños, con 23; unha terceira na zona en praza de Galicia, Vigo e Juan Flórez e unha cuarta onde están establecementos ubicados nos Mallos, Catro Camiños ou Matogrande", explicou.

O Picadillo tamén dedicará, como é habitual, un espazo para os máis novos, que se poden inscribir na páxina web www.tapaspicadillo.coruna.es