Tempos de reencontros, os disfroitos do outono en HGgT215

Dispoñámonos para disfroitar do outono, destes últimos días do verán oficial, que é moito verán o que se adentra axiña no outono ata que o apague definitivamente o cambio de horario. Seleccionamos

uns contidos anti-depresión post vacacional, tanto nas propostas concretas -determinados acontecementos e citas enogastronómicas que nin deben faltar no noso calendario de lecer, nin faltan á cita veterana que dalgún xeito nos abriga a actualizar as recomendacións cada ano… 

Pero tamén incorporamos outras gulosas propostas para que os reencontros “con los trabajos y los días”, antes que unha rutina, se convirtan en incitantes motivos que reforcen o reencontro co traballo e cos amigos e amigas, sexa por vía de reverdecidos vermús e vermutas, sexa por medio de artesanais cervexas e cervexos, catas ás que compre engadir as botellas entorchadas no verán…. O caso é lubricar, adecuadamente, os reencontros! 

E para iso estamos… Porque non é doado escoller a estación que mellor representa a Galicia, cal sería o momento ideal para que un viaxeiro chegase a coñecer a esencia desta terra de infinito contraste. Pero dende logo, ao outono non lle faltan fortalezas. Trala gran concentración de festas da época estival chega agora un tempo de repouso, de tranquilidade e reencontros.

Reencontros coa familia, cos bos amigos e, no noso caso, con produtos moi nosos que sempre volven con forza neste tempo. Atopámonos unha vez máis co pan de Neda, nunha festa que celebra unha tradición panadeira que se remonta á idade media, cando os muíños de trigo do entorno do río Belelle xa producían un pan sen comparación que chegara a convencer ata a Felipe II. Como cada ano, reuniranse miles de visitantes na capital do trigo de Galicia para saborear este famoso pan, pero tamén empanadas, biscoitos e outros manxares elaborados polas panadarías da vila.

E da costa coruñesa pasamos a Lugo para degustar outro produto senlleiro como a Faba de Lourenzá, que tamén celebra nesta época a súa festa, sen esquecernos por suposto do pulpo do San Froilán lucense, que volve con forza na segunda semana de outubro.

Tampouco é mala época para perderse polos camiños da Ría da Estrela (Muros-Noia), para perderse no Grove , acertando de cheo, na Festa do Marisco ou mesmo cruzar o Miño e achegarnos ata o país veciño: Vila Verde celebra a Festa das Collheitas, na que a tradición e o rural se reivindican.
            
Pero ademáis de movernos por Galicia e parte do estranxeiro, neste tempo de reencontros tamén quixemos voltar a nosa ollada cara a bebidas que se prestan especialmente á ledicia compartida. Botamos unha ollada ao mundo dos vermús, galegos e foráneos, que tantos mediodías animan ao longo da nosa comunidade. Celebramos en Baiona a súa primeira cata comparativa, unha experiencia orixinal que resultou moi interesante para os nosos catadores, esperamos que os nosos lectores tamén a disfruten.
 
E tamén nos volvemos atopar coa cervexa. Pero non cunha calquera, senón coa cervexa artesá feita en Galicia, maridaxe complexo ideal para unha tarde de conversa. Trátase dun mundo que vai a máis e que na súa terceira cata con HGg&T bate record de referencias. Preto de 50 cervexas entre stouts, alés, ipas… Haberá que estar atentos a este sector porque parece que xa non estamos ante unha moda, os artesáns abandonaron os seus garaxes e parecen dispostos a quedarse.