A DOP Queixo Tetilla celebra 25 anos de traxectoria

A DOP Queixo Tetilla conmemorou o seu vixésimo quinto aniversario cun acto celebrado no Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixon), ao que asistiron, entre outros, os queixeiros amparados por esta denominación, e representación doutras denominacións. Ademais foi o primeir acto oficial do novo conselleiro de Medio Rural, José González.

O titular da consellería, que interviu no acto tras a verbas do presidente da DOP, Javier Sampayo, salientou os produtos de calidade galegos, entre os que Queixo Tetilla é un bo exemplo, aos que definiu como “importantes ferramentas” para dinamizar o rural", pois, engaduiu “estes selos potencian outras actividades económicas complementarias, como o turismo rural, nas zonas de produción que os amparan”.

O conselleiro tivo unhas palabras para a súa antecesora, Ángeles Vázquez, ao destacar o seu traballo nos últimos tres anos. E precisamente sinalou a creación da Axencia Galega de Calidade Agroalimentaria (Agacal) como “un dos fitos” do seu período ao fronte de Medio Rural. De feito, ao acto de celebración asistiron tamén o director da Agacal, Manuel Rodríguez, e a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo. 

“É un enorme acerto poder contar cun ente que se encargue da actuación da Xunta de Galicia en materia de promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos acollidos aos distintos indicativos de calidade”, declarou González, quen destacou tamén a “ampla oferta gastronómica galega de excepcional calidade”. 

Neste senso, puxo de exemplo precisamente á denominación de orixe Queixo de Tetilla por ser “un dos nosos sinais de identidade dentro e fóra de Galicia” e aproveitou para felicitar ao seu consello regulador como labor desenvolvido todo este tempo. 

“Galicia conta cunha moi ampla oferta gastronómica, de excepcional calidade, froito da transmisión de xeración en xeración do saber facer tradicional e da existencia dunhas materias primas de gran valor culinario”, concluíu José González, que se comprometeu a seguir traballando na protección destes produtos típicos e promocionalos co fin último de apoiar aos produtores e industrias do rural.