
A titular de Medio Rural indicou que o volume de uva que está previsto recoller é case idéntico ao do ano pasado, cando se vendimaron 61,4 millóns de quilos. Como en anteriores colleitas, a maior parte do froito corresponde á denominación de orixe Rías Baixas, con case o 60% do total. Nesta DO a vendima iniciouse o pasado día 8 de setembro e está previsto que remate a mediados de outubro, coa recollida de aproximadamente 36 millóns de quilos. Rías Baixas é a denominación de maior dimensión das galegas, con máis de 5.000 viticultores, unha superficie de cultivo que supera lixeiramente as 4.000 hectáreas e máis de 180 adegas.
As previsións nesta denominación de orixe indican, ademais, que a vendima será das mellores da historia en canto a calidade, malia que pode diminuír en cantidade arredor dun 7% respecto á pasada campaña, segundo os primeiros cálculos estimativos que manexa o seu consello regulador.
Por volume de uva a recoller, a seguinte denominación é a do Ribeiro. Nela está previsto vendimar uns 10 millóns de quilos, fronte os 9,6 millóns da anterior campaña. A continuación estaría a DO Ribeira Sacra, cunha previsión de 6 millóns de quilos (no 2017 recolléronse 5,5 millóns). Logo viría Valdeorras, con 5 millóns de quilos (4,2 o pasado ano) e por último Monterrei, cunha previsión de 4 millóns de quilos, fronte os 2,8 recollidos na vendima anterior.