O deputado de Patrimonio e Contratación da Coruña, Xesús Soto e o alcalde da Capela, Manuel Meizoso asinaron o convenio de colaboración polo que a Deputación da Coruña achega 193.582,20 € do orzamento total da obra de pavimentación do acceso ás Fragas do Eume que ascende a 241.977,75 €.
A obra supón un cambio substancial no acceso ás Fragas do Eume e inclúe melloras na pavimentación, sinalización, limpeza de gabias ou execución de cunetas de seguridade.
O proxecto inclúe tamén a execución de beirarrúas, 145 m. pola marxe dereita e 210 m. pola marxe esquerda, de 1,80 m. de ancho con bordo de formigón prefabricado, e executaranse 9 arquetas con sumidoiro para recollida de augas pluviais.
Así mesmo executarase unha cuneta de seguridade. Os traballos inclúen a limpeza de gabias e salvagabias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal, a sinalización horizontal con pintado de liñas en bordes e símbolos e unha partida para adaptación de pozos e arquetas á nova rasante.