Esta fin de semana celébrase a sexta edición da Mostra de Viños e Produtos da Reserva da Biosfera das mariñas coruñesas, un evento que pretende dar a coñecer os produtos enogastronómicos da zona: na feira haberá conservas vexetais, produtos de horta, ecoarroces, queixos, stevia, lúpulo, cervexa, veu ou xabóns artesanais, entre un longo etcétera.
Como novidade nesta edición apuntan cara a alta cociña, xa que dende a Reserva da Biosfera están convencidos da idoneidade dos seus produtos. Está previsto un showcooking dos chefs Iván Domínguez e Beatriz Sotelo e unha maridaxe en directo con Sonia Molero.
Na presentación da feira o presidente da Reserva, José Antonio Santiso, cualificou aos emprendedores locais de “exemplo a nivel nacional e mundial” ao ser os primeiros en obter o selo de calidade da biosfera. “Aos poucos imos avanzando”, sinalou, á vez que animou a aproveitar as bondades “ do noso” para tratar de xerar actividade económica da que vivir.
Pola súa banda, a alcaldesa de Betanzos, María Barral, apuntou que “co traballo de todos conseguimos consolidar esta Mostra”. A rexedora incidiu en que os produtos da comarca destacan “pola súa calidade” e demostran a “potencialidade” do territorio.
A Mostra non só será este escaparate de produtos. A Reserva e o Concello ofrecerán unha completa programación en paralelo, ademais das demostracións. Durante a tarde do sábado 22 haberá un taller infantil sobre os ingredientes esenciais nos alimentos do outono, un taller sobre tomate autóctono, ou a actuación “A Música de Cecebre”. O domingo tamén haberá xogos populares.